CRTVG

Buscar

"A policía disparou a matar" a Diego Bello, segundo a comisión de DDHH filipina

Publicado o 18/08/2020 22:18
"A policía disparou a matar" a Diego Bello, segundo a comisión de DDHH filipina

A Comisión de Dereitos Humanos das Filipinas concluíu que "a policía lle disparou deliberadamente a matar ao empresario" español Diego Bello, que morreu a tiros o pasado 7 de xaneiro na illa de Siargao, ao sur do arquipélago filipino.

A investigación, levada a cabo entre xaneiro e xullo, pon en dúbida o argumento esgrimido polo xefe do operativo, Vicente Panuelos, sobre a "lexítima defensa", xa que a policía asegura que Bello era un narcotraficante de alto valor que disparou primeiro aos axentes cando se deu de conta de que lles vendía droga nunha operación encuberta.

Bello, natural da Coruña e que tiña 32 anos cando foi asasinado, instalouse en novembro de 2017 en Siargao, un paraíso de surfistas no sueste das Filipinas, onde abriu varios negocios enfocados ao turismo: o hostal White House, a tenda de artigos de surf Mamon e o bar restaurante A Santa.

O informe pon en dúbida a validez do argumento da lexítima defensa polo número de disparos efectuados pola Policía e pola traxectoria das balas, explica unha nota de prensa remitida pola plataforma #xustizaparadiego, impulsada en España por familiares e amigos do empresario.

"Existen imaxes de Bello saíndo do restaurante que rexentaba minutos antes da súa morte que proban que non portaba ningunha bolsa, tal como afirma a policía que levaba no seu poder no momento da súa morte", indica o comunicado.

Para o informe, a comisión entrevistou os socios, parella, empregados e veciños de Diego Bello e todos eles -excepto Panuelos- negaron calquera relación do mozo co tráfico de drogas ou a posesión de armas.

De feito, Bello nunca figurou na lista de persoas relacionadas co narcotráfico elaborada polo concello da localidade en que vivía, a pesar de que a policía o cualificou como o narcotraficante máis buscado de Siargao, segundo indica o informe da Comisión Filipina de Dereitos Humanos.

"A ausencia dunha causa xudicial aberta contra Diego Bello polas súas supostas actividades ilegais impide coñecer ata que punto a versión da policía filipina pode ser crible, polo que a actuación policial podería considerarse como unha execución extraxudicial", indica o informe.

Segundo a comisión e outras organizacións de dereitos humanos, a policía filipina a miúdo falsifica probas para xustificar execucións extraxudiciais na sanguenta guerra contra as drogas que comezou hai tres anos baixo o mandato de presidente Rodrigo Duterte. As Nacións Unidas, Human Rights Watch ou Amnistía Internacional, entre outras organizacións, criticaron o clima de impunidade da campaña antidroga en que morreron unhas 30.000 persoas, pero a policía só admitiu que matara en redadas uns 6.700 sospeitosos, aínda que alegan que todos eles se resistiron ao arresto.

A plataforma #xustizaparadiego anunciou novas mobilizacións para denunciar o asasinato de Diego Bello e solicitará ao Goberno de España unha implicación maior neste caso de violación dos dereitos humanos dun cidadán español. Ademais da investigación da Comisión de Dereitos Humanos de Filipinas, están pendentes as da Oficina Nacional de Investigación, a do Departamento de Xustiza e a do Ministerio español de Asuntos de Exteriores.