A policía busca o pai do neno asasinado nun hotel de Barcelona
A policía intensifica a busca do pai dun neno de dous anos atopado morto nun hotel de Barcelona. O visionado das cámaras de seguridade do establecemento hoteleiro indica que o home é o principal sospeitoso do crime. Un amplo dispositivo de seguridade está despregado en toda Cataluña para tratar de dar co parricida.
As cámaras captan a fuxida
Saíu do cuarto para comprobar que non había ninguén no corredor. As cámaras dun hotel de Barcelona captan a imaxe arredor das 10 da noite. O home, de 43 anos, estaba aloxado xunto co seu fillo, un neno de dous. Minutos despois, vémolo saltando o valado na zona da piscina. O home fuxiu por aquí despois de matar, supostamente, o cativo. Levaba vaqueiros, camiseta gris e zapatillas deportivas.
Os axentes atoparon o neno inconsciente ás dez e media da noite, despois de investigar nos rexistros de todos os hoteis da cidade. Xa non se puido facer nada pola súa vida.
Foi a nai do cativo a que deu a voz de alarma. Ela e o pai do rapaz estaban separándose e el chamouna para dicirlle que se ía arrepentir.
Os Mossos d'Esquadra, a Garda Urbana e as policías locais despregaron un amplo dispositivo de busca por toda Cataluña. O Xulgado de Instrución de Barcelona que leva o caso decretou o segredo das actuacións.
Dende 2013, 40 menores foron asasinados polos seus pais co obxectivo de facer dano ás nais dos rapaces. A violencia vicaria é unha forma máis de violencia machista.