Deteñen a parella da muller de 52 anos asasinada a coiteladas na Coruña
• O home ten antecedentes por violencia contra outras mulleres
• Conmoción no barrio do Birloque polo asasinato de Mónica Marco
• Condena unánime das forzas políticas ao presunto crime machista
EFE/ Cabalar
AXENCIAS
A Policía Nacional detivo esta tarde a parella da muller asasinada esta madrugada na Coruña, ao que considera polos "indicios" o presunto autor do crime. Trátase dun home de 48 anos ao que lle constan dúas denuncias previas de dúas mulleres diferentes (non da falecida) por violencia de xénero, e para localizalo reforzáronse os controis policiais.
Aínda que non se confirmou oficialmente que se trate dun crime machista, a alcaldesa da Coruña, Inés Rey, manifestou, tras os feitos, que "todo apunta" a iso. De feito, o home ten antecedentes por violencia de xénero por denuncias de dúas mulleres, non da falecida.
Tanto veciños como a subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas, ratificaron que entre a parella, que, segundo algúns residentes na zona levaban poucos meses xuntos, houbo unha discusión en días previos. Algún veciño asegurou aos medios este xoves que tamén escoitou unha esta pasada noite.
Pero o delegado do Goberno, José Manuel Miñones, prefería gardar prudencia: "Agora mesmo están coa investigación e non podemos afirmar neste momento que se trata dun caso de violencia de xénero".
O corpo da muller, de 52 anos, foi atopado polo seu fillo antes das dúas da madrugada, cando este regresou do traballo. Foi el o que alertou a Policía Nacional. A muller, chamada Mónica Ramos, rexentaba unha panadería na zona do Birloque onde se produciron os feitos, en concreto no quinto piso do número cinco da rúa Juan Darriba, onde residía. Presentaba feridas de arma branca e estaba xa falecida.
Se se confirma a natureza machista deste asasinato sería a vítima 35 de violencia de xénero deste ano, a primeira en Galicia, e elevaría a 1.113 as mulleres asasinadas polas súas parellas ou ex parellas desde xaneiro de 2003.
A cidade mostrou a súa repulsa por este crime con varias concentracións, a última esta tarde no barrio da vítima, tamén por parte de toda a corporación municipal que gardou cinco minutos de silencio ante o Palacio Municipal de María Pita.