CRTVG

Buscar

A policía alerta dun virus informático que pretende rachar os sistemas de traballo hospitalario

Publicado o 23/03/2020 22:06

Estes días, máis ca nunca, non debemos abrir os correos electrónicos de procedencia descoñecida. A través deles estanse multiplicando os intentos de acceder a información sensible que gardamos nos nosos ordenadores, tabletas ou móbiles.

A policía detectou un caso especialmente grave que puido comprometer os hospitais en plena epidemia.

José Ángel González, director adxunto do operativo da Policía Nacional di que detectaron un virus moi perigoso. "Correos electrónicos dirixidos ao persoal sanitario co que se pretende romper todo o sistema informático dos hospitais".

E non é a unica advertencia. Todos estamos moi atentos a calquera novidade sobre a epidemia. E iso pode converternos en receptores de noticias falsas.

"Detectamos máis de 200 bulos por parte de policia nacional coa única intención de provocar medo e pánico entre a poboación", di José Ángel González, director adxunto do operativo da Policía Nacional.

Unha desas noticias falsas quería facer cre que o Goberno preparaba o estado de excepción e animaba a facer compras masivas porque ían pechar os supermercados e non se podería saír da casa en 50 días. A policía pide que non se reenvíen audios de WhatsApp ou noticias que non procedan de canles oficiais ou solventes.