CRTVG

Buscar

A Pobra do Caramiñal, Mos e Lobios, no nivel máximo de restricións

Publicado o 26/05/2021 20:17

O comité clínico que asesora a Xunta na xestión da pandemia acordou manter o nivel máximo de restricións en Lobios e incorporar ás mesmas limitacións A Pobra do Caramiñal e Mos. Con iso, estes municipios quedarán sometidos a peche perimetral desde o sábado. O nivel máximo de restricións tamén inclúe toque de recollida entre as 23 e as 6 horas. Tanto A Pobra como Mos estaban en nivel alto na última reunión do comité clínico, pero a súa situación empeorou.

Agora, no nivel alto de restricións estarán Ribeira, Ordes, Moraña, Ponte Caldelas e Viveiro. Nos concellos neste nivel só está aberta a hostalería nas terrazas e a un 50 por cento.

As medidas do nivel medio, con hostalería aberta ao 30 por cento en interiores e ao 50 por cento en terrazas, permanecerán desde o sábado nunha ducia de municipios das catro provincias: O Barco de Valdeorras, Moaña, Ponteareas, Cambados, Bueu, Boiro, Rianxo, Cee, Xove, Cervo, Vilalba e Monforte.

No resto dos municipios galegos, estarán vixentes as restricións fixadas no nivel medio baixo. Todas as medidas entrarán en vigor, segundo informou Sanidade, ás 00.00 horas do sábado 29 de maio.

Cribados en Mos

Os mosenses responderon á convocatoria para facer unha PCR. Hai moita preocupación pola explosión de contaxios que os sitúa no máximo nivel de restricións e coa peor evolución da pandemia de toda a área sanitaria de Vigo. É necesario que detectemos os asintomáticos que poidan estar no municipio para poder pasar canto antes a un nivel mellor", di Nidia Arévalo. alcaldesa de Mos"

Este cribado non é o primeiro nin será o último. "O sábado faremos un novo cribado na zona do centro comercial do Leroy Merlín", avanzou Javier Puente, xerente área sanitaria de Vigo

Os hostaleiros da Pobra pídenlle á Xunta que lles permitan seguir abertos

Cunha incidencia de 483 tamén se prepara para o máximo nivel de restricións A Pobra do Caramiñal. Será a terceira vez que quedan perimetrados, a última non hai nin un mes. A hostalería deste municipio turístico pídelle á Xunta medidas alternativas para conter o virus que non impliquen volver paralizar a súa actividade ás portas do verán. 

"A hostalería é un sector que acaba sendo afectado, pero o gromo vén doutros lugares, vén do movemento de traballadores entre concellos. Cremos que non ten moito sentido seguir aumentándolle as esixencias e que siga sendo o primeiro sector que pechan", explica Xosé Lois Piñeiro, alcalde da Pobra do Caramiñal

Viveiro e Ordes súmanse a Ribeira, Moraña e Ponte Caldelas

O concello veciño de Ribeira ten pechado o interior da hostalería. Non dá baixado do nivel alto de restricións. A el incorpóranse o sabado Viveiro e Ordes. O concello coruñés pasou nun mes de estar libre de covid a ter unha incidencia de 230 casos por cen mil habitantes.

 

Noticias web

26/05/2021