CRTVG

Buscar

A Pobra do Caramiñal evoluciona favorablemente e espera abandonar en breve as restricións máximas

Publicado o 25/04/2021 14:51

Xornada desapracible na Pobra do Caramiñal sen case xente polas rúas por mor do tempo, pero tamén polas consecuencias das restricións máximas pola covid. Peche perimetral e prohibición de xuntanzas con non conviventes están vixentes no concello dende hai dúas semanas.

Os comentarios da veciñanza ían dende os que ían levando ben a situación aos que recoñecían a dureza da situación.

Coa hostelaría baixo mínimos, sen terrazas e con autorización unicamente de servir comidas para levar, e coas tendas tamén coa ocupación máxima reducida á metade, os comerciantes atravesan unha situación delicada. "As ventas baixaron. Temos a metade das ventas a maioría dos negocios, ou case todos, porque vivimos da nosa vila, pero a maioría da xente que vén traballar aquí non pode mercar aquí polo peche perimetral", comenta a encargada dunha panadaría.

A Pobra chegou rexistrar este mes de abril unha incidencia acumulada a catorce días de máis de cincocentos casos. Hoxe, esa cifra reduciuse a 246. Con estes datos, os pobrenses contaban xa esta semana con saír da lista de concellos con restricións máximas, por iso confían en que a vindeira xuntanza do comité clínico da Xunta rebaixe por fin as limitacións.


 

Noticias web

25/04/2021