CRTVG

Buscar

Stellantis Vigo suspende a produción "ata novo aviso" pola crise dos microchips

Publicado o 20/05/2021 18:18

A dirección da planta do grupo Stellantis en Vigo (antes PSA Peugeot Citroën) confirmou que suspenderá desde este xoves a actividade dos dous sistemas de produción debido a problemas de aprovisionamento. Así, "ante circunstancias de forza maior" pola denominada 'crise dos microchips', que afecta os seus provedores e que se traduciu en falta de certos compoñentes, a fábrica viguesa suspenderá a súa actividade desde as 22.00 horas deste xoves e "ata novo aviso".

Estes problemas de subministración, que están a afectar plantas de automoción e outras actividades industriais en todo o mundo, obrigaron a suspender a produción en Stellantis Vigo en varias ocasións desde principios de ano. De feito, nas últimas semanas as paradas foron habituais na factoría de Balaídos e, nos últimos 10 días, apenas houbo xornadas de traballo con normalidade.

Precisamente, nas últimas horas, o director da planta viguesa, Ignacio Bueno, mantivo unha reunión co comité de empresa para informar da situación e para confirmar que o escenario de "incerteza" pódese prolongar, aínda que coa previsión de que "a situación máis desfavorable" se viva durante o primeiro semestre deste ano.

En calquera caso, a planta viguesa aprobou a finais de marzo pasado a aplicación dun ERTE (do que se desmarcaron os sindicatos CIG e CUT) para xestionar esta situación. A regulación afecta traballadores fixos a tempo completo que esgotasen outros mecanismos de flexibilidade, como a adecuación de xornada ou a bolsa de horas, por un máximo de 60 días e ten vixencia ata final deste ano.

 

Noticias web

20/05/2021