Rematan os chamamentos por idade e o Sergas convoca dous días de vacinación sen cita
Os chamamentos masivos conclúen mañá sábado coa segunda dose dos de 12-13. E no recinto de vacinación do Gaiás comeza a haber momentos de final de etapa, estampas por minutos moi difererentes ás de enorme e constante concorrencia ás que nos tiñan afeitos desde marzo.
"Hoxe estamos un poquiño sós, pero con ilusión e expectativa de que acuda toda esa xente que queda por vacina. Igualmente, o domingo tamén imos ter unha xornada de portas abertas en turno de mañá. Así que os que non poidan vir hoxe que se acheguen o domingo que estaremos encantados de atendelos", comenta María Xosé Parrado, enfermeira coordinadora da vacinación na Cidade da Cultura.
Esperan coas portas abertas, esta tarde e tamén o domingo pola mañá, polos que quedan da vacinación. Os enfermeiros agárdanos a todos coa sensación do deber cumprido, con cifras de vacinación entre as máis altas de Europa.
Raquel Zubizarreta, subdirectora xeral de Información sobre Saúde e Epidemioloxía considera que a valoración xeral da campaña de vacinación "é excepcionalmente boa. De feito, se nos comparamos co resto da comunidades autónomas somos os que temos máis cobertura na poboación vacinable".
A porcentaxe de cobertura dunha dose é do 93 % da poboación vacinable e case o 90 ten xa pauta completa. Os que quedan son cada vez menos. Hoxe, no recinto de Expourense vimos casos como dunha moza, á que a súa nai convenceu para vacinarse despois de vencer as súas propias reticencias. Cóntannos que lle tiñan medo ás faladurías, pero que están encantadas despois de poñer as súas doses. O enfermeiro do equipo do Sergas en Ourense que as vacinou explica que é frecuente o caso de persoas que esperaron por medo, para ver que reacción lle facía a vacina aos demais.
A casuística é variada. E as razóns para achegarse aos recintos son moi contundentes. E non só para evitar o enorme risco individual de contraer o virus, senón porque os que renuncian poden poñer en risco outros grupos de idade.
"Son os que máis contribúen a que o virus siga circulando e a que poida haber mutación que teñan un maior escape vacinal", explican as autoridades sanitarias.
A ciencia avala que a vacina contra a covid reduce en máis dun 90 % o risco de contraer a enfermidade e divide por doce o risco de transmitila.