A piques de morrer pola trabada dunha serpe
A trabada dunha víbora case lle custa a vida a un veciño de Dodro. Estivo preto de morrer despois de sufrir dous shocks cardíacos e quedar sen pulso. Estivo doce horas ingresado na unidade de enfermos críticos no hospital de Santiago, onde pasou os últimos cinco días. Agora que pode contalo, di que aínda ten o medo no corpo.
Xosé Luis volve ao camiño onde o trabou a serpe. Ata aquí veu recoller unhas varillas de metal e uns arames do peche do gando que deixaran a véspera. Non tiña previsto saír das pistas asfaltadas e foi calzado con chanclas e os pés nus. Ao dar uns pasos xa notou a trabada da serpe.
"Ía andando tranquilamente e sentín a picada, unha dor bastante forte durante un minuto ou así, e despois nada. Comecei a suar en frío, marearme, a boca seca, pastosa, xa case non se me entendía falando. Foi cando veu o fillo, chamou a ambulancia e para alá".
Aínda ten no pulso a fita de ingreso hospitalario. Asegura que o pasou ben mal e que puido ver a cobra que mediría uns 40 centímetros. A trabada doi no pé dereito. Case non a conta.
"A ver, esgótome aínda, non. Noto que... Pero tamén será de tanta medicina, porque era seguido. O goteiro aquel non era soro só. E pode ser tamén diso. E os nervios, porque me dixeron tamén que os nervios afectaban moito, eu que sei. Pero, a ver, eu o medo téñoo no corpo. Vina si. Era dunha cor así entre verde escuro e un marrón escuro, entre así as dúas cousas. Non era moi grande, e o que non puiden ver, o que non me fixei, foi na cabeza. Foi o que me preguntaron despois en Santiago. Non sabía se era triangular se era... Xa non me fixei niso".
Xose Luis coñece ben a zona e non é estraño ver serpes, pero a partir de agora vai pensalo dúas veces antes de saír en chanclas da casa.