A perigosidade da luguesa Estrada Vella de Santiago increméntase en vésperas de Santos
En vésperas da ponte de Santos, intensifícase o tráfico pola Estrada Vella de Santiago, en Lugo, que comunica a cidade co cemiterio de San Froilán. Increméntase, por tanto, a perigosidade dunha vía con escasa visibilidade debido á altura da maleza. Sobre todo para os peóns, xa que en varios tramos non hai beirarrúas.
"É perigoso porque ás veces a xente ten que andar sorteando por aí abaixo. Se pasas á estrada por haber pouca marxe, pois veñen os coches, e se vas polo outro lado podes tropezar coas silvas".
"Coa maleza, non se anda. Xa está máis alta ca min. E non se anda, claro. Estes días pasa moita xente para o cemiterio, e por aquí pasea moita xente. E polo lado da esquerda segundo se sobe, aí xa non andan, a non ser que se poñan na estrada".
"Saio todos os días a camiñar e vexo que está todo terrible. Moitas veces incluso temos que parar para deixar pasar os coches e logo poder pasar nós".
Para mellorar a visibilidade e a accesibilidade, os veciños e viandantes da Estrada Vella de Santiago reclaman que se roce a maleza e que se acondicionen as beirarrúas. Demandan que se ocupen disto as administracións antes de que chegue a haber accidentes.
"Debían pasar polo menos dúas ou tres veces ao ano para que isto estivese en condicións. Hai moita maleza. Aí na curva tamén é perigoso. Debían pasar por aquí con máis frecuencia".
"Como non vai ser perigoso, se non podemos andar nada pola beira. Todo pola estrada".
"Debían rozala. Sacar a maleza da estrada para poder camiñar".
Co fin de aliviar o tráfico por esta estrada e darlles servizo aos cidadáns que visiten o camposanto de San Froilán, o Concello de Lugo reforzará o Día de Santos a liña de buses urbanos que conecta o centro da cidade co cemiterio.