A Peregrinación Europea da Xuventude traerá a Santiago vinte mil mozos
A Peregrinación Europea da Xuventude celebrarase en agosto do ano próximo en Compostela . Os preparativos do encontro botaron a andar xa este sábado coa primeira xuntanza dos 150 voluntarios que van colaboran na organización.
"O encontro do ano que vén será un encontro masivo da igrexa moza. Contamos agora mesmo con quince ou vinte mil mozos de toda Europa", di David Múñoz, responsable da comisión de voluntariado da Peregrinación Europea da Xuventude.
"A idea é que todos os grupos veñan facendo o camiño de Santiago, os distintos camiños e que desemboquen en Santiago o 3 de agosto, por iso o evento será en Santiago pero toda Galicia será participe desta peregrinación galega de mozos", afirma Javier García, delegado de Xuventude
De xeito simbólico, os mozos fixeron a pé os últimos metros do camiño ata chegar á catedral. Na escalinata da Praza do Obradoiro o arcebispo de Santiago, Xulián Barrio, dáballes a benvida.
"Quero traervos xa hoxe o saúdo afectuoso do Papa Francisco. Deus queira e o Apóstolo nos axude para que un día coma hoxe, sexa el quen nos saude persoalmente e nos bendiga"
Un desexo, o da visita do Papa a Compostela no 2022 que tamén verbalizaron o alcalde da cidade e o vicepresidente da Xunta. Xosé Sánchez Bugallo e Alfonso Rueda comprometeron o seu apoio a esta terceira marcha da mocidade.
A peregrinación da Xuventude que ía celebrarse xa este ano, aprazouse por mor da pandemia pero o seu himno xa se escoitou en Compostela.