CRTVG

Buscar

A PCR, proba estrela da pandemia, determina xa variantes e cargas virais

Publicado o 04/05/2021 15:02

"A PCR foi a protagonista diagnóstica da pandemia porque a foi a técnica diagnóstica por excelencia e que experimentaron en primeira persoa ata hoxe máis de dous millóns setenta e sete mil galegos, cuxas mostras chegaron aos laboratorios de microbioloxía dos nosos hospitais", afirma Germán Bou, responsable do laboratorio de microbioloxía do CHUAC.

Fortalecida porque os procesos hoxe teñen pouco que ver coas primeiras probas, cando había escaseza delas e cando os métodos para revelar un positivo eran moi rudimentarios. Agora as PCR ata serven para concretar as variantes do virus.  

"É un xeito de realizar un cribado previo, antes da secuenciación, para dicir se a variante do virus que teño na miña área é a europea, a británica ou a brasileira, por poñer algúns exemplos", explica o microbiólogo.

Estas PCR específicas para distinguir cepas fanse en mostraxes semanais ou a demanda cando hai un caso sospeitoso. Pero ademais os laboratorios poden proporcionar información adicional en relación á carga vírica dos pacientes. E, máis aínda, no caso de operacións urxentes poden ter un resultado de PCR ata en 20 minutos. Un cúmulo de avances meteóricos, en menos dun ano, que fortaleceron o músculo do diagnóstico e arma básica contra a covid.