CRTVG

Buscar

A páxina de contactos Tinder, en Touro, non só é para atopar parella

Publicado o 06/10/2021 15:25

• As futbolistas da S. D. Touro reforzan o equipo tras anunciarse na páxina de contactos

Fai cinco anos que o S. D. Touro ten equipo feminino de fútbol. O último partido oficial xogárono o 8 de marzo de 2020, cando a situación sanitaria obrigou a interromper a competición. Desde entón, houbo varias baixas no equipo, así que decidiron botar man das redes sociais para iniciar a temporada de fichaxes.

Lara Mera, central do equipo, explica que "polas redes convencionais, Facebook, Twitter ou Instagram non tiñamos moita xente, entón tivemos que buscar outra alternativa". Engade que "ao principio o de Tinder foi de broma pero despois converteuse en realidade".

En realidade e con moito éxito, porque a curiosidade fixo que lograran máis de 70 'matches' ou contactos en moi pouco tempo, e iso, finalmente, deu os seus froitos.

"Cinco ou seis fichaxes si que fixemos, e iso xa nos dá para tirar para adiante", conta a dianteiro centro Natalia Rosende. 

A progresión do fútbol feminino nos últimos anos está a ser meteórica. Só en Galicia, en apenas cinco anos, o número de licenzas femininas pasou de menos de 4.000 a máis de seis mil. Con todo, persisten diferenzas difíciles de superar.

"Cando buscas patrocinadores moitas empresas dinche que non fan patrocinios, e despois ves esas mesmas empresas patrocinando equipos masculinos", explica Natalia.

O certo é que, grazas á iniciativa que tiveron as rapazas, o S. D. Touro prepara xa o comezo da competición cun equipo reforzado en segunda autonómica feminina.

Noticias web

06/10/2021