CRTVG

Buscar

A patronal pídelle á Xunta que non autorice máis gasolineiras sen persoal

Publicado o 18/01/2019 21:15

A patronal das gasolineiras pídelle á Xunta que non autorice máis estacións sen persoal. As low cost deféndense. Din que ofrecen un bo servizo e que os condutores escóllenos porque os prezos son máis competitivos.

Advirten de que a proliferación de gasolineiras non atendidas incide na perda de postos de traballo e tamén na deterioración do servizo. Que non haxa persoal nas estacións de servizo, aseguran, deixa desprotexidos os usuarios con necesidades especiais como embarazadas, anciáns ou persoas con mobilidade reducida. Ademais do perigo que supón para os clientes ter que manipular combustibles contaminantes. Din que, unha vez equiparado o tipo do céntimo sanitario en todo o estado, en Galicia non hai necesidade de promover a instalación de máis estacións de servizo non atendidas.

A través dunha carta dirixida ao presidente da Xunta, empresarios e sindicatos de gasolineiras demándanlle que non autorice a instalación de máis estacións de servizo sen persoal. Din que hai presentadas máis de cen solicitudes que, de seren aprobadas, suporían a perda de ata cincocentos postos de traballo. Argumentan que unha vez equiparado en todo o estado o céntimo sanitario, Galicia non ten as tarifas máis altas que xustifiquen máis aperturas.

Ao abeiro do decreto do Goberno galego de 2015 abríronse novas estacións independentes e de baixo custo que, nalgúns casos, supuxo o abaratamento das tarifas. O prezo é o principal motivo de escolla para moitos consumidores.

Atención especializada, manipulación de produtos tóxicos e resolución de incidencias son os argumentos da patronal para defender que haxa traballadores nas gasolineiras. Un servizo que é preferido, segundo asegura, polo noventa por cento dos clientes.

En Galicia hai máis de 700 gasolineiras, das que só o 24 por cento son independentes.

 

Noticias web

18/01/2019