CRTVG

Buscar

A partir deste luns, en Galicia, abren as autoescolas, os restaurantes e os parques naturais

Publicado o 24/05/2020 19:56

O BOE deste domingo confirma o paso á fase dúas das catro provincias galegas. Entre as novidades coñecidas esta fin de semana cómpre salientar a apertura das autoescolas e dos centros de ensino non universitario. A decisión de abrir ou non as aulas queda nas mans da administración educativa.

As comunidades autónomas poderán retomar as actividades presenciais nos centros educativos non universitarios e de formación. Tamén as academias e autoescolas, cun terzo do alumnado e priorizando a modalidade on line.

Ábrese a porta á celebración de vodas e amplíase a 25 o número máximo de asistentes aos velorios. Ademais, os lugares de culto xa funcionan ao 50% da súa capacidade.

Permítese a libre circulación pola provincia en grupos de ata quince persoas de procedencias distintas. E os congresos e conferencias, con público limitado.

Canto á actividade física, só se manteñen as franxas horarias para as persoas con máis de 70 anos. E o luns retómanse as visitas aos centros de maiores e persoas con discapacidade seguindo o protocolo de cada autonomía.

O comercio retallista gaña clientela e as feiras xa poden montar un terzo dos postos. Pero a novidade principal é a apertura dos centros comerciais cun 30% de ocupación e coas zonas recreativas pechadas.

Os hoteis recuperan as zonas comúns e os bares e restaurantes o consumo no interior dos establecementos. Neste caso, non se pode superar o 40% da capacidade total. Iso si, os locais nocturnos seguen pechados.

No eido cultural, abren cun terzo da súa ocupación os cines, teatros e as salas de exposicións. Ademais, retómanse as visitas aos monumentos coas mesmas restricións e o acceso aos parques naturais.

Autorízase o uso das piscinas recreativas con cita previa e o 30% de bañistas. Tamén o desprazamento ás praias da provincia sempre que se manteña a distancia entres as persoas. Os concellos serán os encargados de poñer as normas.
 

Noticias web

24/05/2020