A partir de outubro a máscara non vai ser obrigatoria nos comercios e hostalería de Bélxica
• Bruxelas pedirá o certificado de vacinación en bares, restaurantes e discotecas para incentivar a vacinación

EFE
Bélxica relaxará a partir do 1 de outubro o uso da máscara, de tal forma que deixará de ser obrigatoria en comercios, cafeterías e restaurantes, mentres que se manterá nos transportes públicos e os hospitais, decidiron este venres as autoridades belgas.
O comité de concertación do país, que reúne a membros dos Gobernos federal e rexionais, seguiu avanzando na desescalada, dado que o 74 % da poboación está xa completamente vacinada, aínda que é certo que persisten as diferenzas entre rexións.
Precisamente porque en Bruxelas só o 51 % dos cidadáns recibiron a pauta completa, segundo os datos do instituto de saúde pública Sciensano, as autoridades da capital decidiron desmarcarse da norma xeral aprobada hoxe para o conxunto do país.
"Aqueles que non se vacinaron son os responsables de que as regras sigan sendo estritas en certos lugares", dixo o primeiro ministro belga, Alexander de Croo, na conferencia de prensa para explicar as medidas.
"Esta epidemia vai camiño de converterse nunha epidemia para as persoas non vacinadas", continuou De Croo e dixo que "como sociedade, non podemos aceptar que haxa persoas que poñan en perigo a outras persoas", polo que animou á xente para recibir o fármaco contra a covid, porque "as vacinas son seguras e gratuítas".
Como medida para incentivar as taxas de vacinación na capital, Bruxelas pedirá o certificado covid en bares, restaurantes ou discotecas aos maiores de 16 anos, a partir do 1 de outubro.
O certificado de vacinación estenderase tamén para o conxunto do país para partir do 1 de outubro para eventos en interior de polo menos 500 persoas e, en exterior, de polo menos 750 persoas, nos que levar máscara xa non será obrigatorio.
Desde o mes que vén, abrirán tamén as discotecas, con normas sobre capacidade máxima e de calidade do aire.