CRTVG

Buscar

Os restaurantes prepáranse para volver dar ceas

Publicado o 15/04/2021 15:30

Nos restaurantes ultímanse os preparativos e cóllense as primeiras reservas para cear. Ademais da reserva previa, o establecemento deberá contar cun rexistro de clientes e con medidores de CO2. Algúns locais xa os teñen instalado. 

Carlos Noya, un hostaleiro de Santiago, di que o puxeron hai catro meses porque nestes momentos de pandemia a xente precisa "atmosferas seguras" tanto "físicas como de aire".

Os medidores marcan a concentración de CO2 no local. Juan Gestal, profesor emérito de Medicina Preventiva da USC, explícanos que no exterior "están arredor dunhas 400 partes por millón e se dentro hai entre 400 e 420 partes por millón significa que temos moi boa ventilación. Se chega a 800 hai que pensar en ventilar".

José Carlos Amigo, xerente de Drogallega, di que cun medidor de CO2 sería suficiente para todo un establecemento e recomenda colocalo en sitios "menos ventilados" e nunca "na porta ou na ventá".

Os locais dispoñen duns días para colocar os medidores. O seu prezo rolda os 200 euros.

Noticias web

15/04/2021