Repasamos as medidas que entran en vigor este sábado en Galicia
Desde a medianoite deste sábado, ningún dos municipios galegos estará no nivel máximo de restricións e en nivel alto só quedarán cinco: Melide, Curtis, Trives e Viana.
Ademais, a única cidade galega que permanece no nivel medio é Lugo. O resto de urbes baixan ao nivel máis baixo de restricións.
Non hai peches perimetrais na comunidade nin toque de recollida, aínda que continúan prohibidas as reunións entre persoas non conviventes ao aire libre desde a 01.00 ata as 06.00 en municipios en máximo e alto. No caso dos niveis medio e baixo, este tipo de reunións están prohibidas entre as 03.00 e as 06.00 horas.
No ámbito privado, as reunións non poderán exceder as seis persoas no interior e as 10 no exterior ou dúas unidades de convivencia.
O próximo 15 de setembro botará a andar o novo protocolo da hostalería. Pola súa parte, o ocio nocturno está á espera tamén dun novo protocolo. Ademais, a Xunta está pendente da resolución do Tribunal Supremo respecto do certificado covid tombado polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.
Ademais, a Xunta tamén aprobou a modificación doutras medidas de loita conta a covid−19. Nos eventos deportivos amplíase a ocupación ata un 40 por cento en interiores e a un 60 por cento en exteriores.
Nos próximos días tamén se prevé pechar un protocolo para os ximnasios, que, segundo Fejóo, será "moi similar" ao da hostalería.
Por último, o presidente da Xunta dixo que como mínimo ata o 18 de setembro seguirá en vigor a limitación do número de persoas que se poden reunir en espazos públicos ou privados, seis en interiores e dez en exteriores, e mais a prohibición de xuntanzas de non conviventes entre as 3.00 e as 6.00 da madrugada.