CRTVG

Buscar

Un procedemento sinxelo, así son os tests de antíxenos que venderán nas farmacias

Publicado o 14/07/2021 15:23

Un procedemento sinxelo que nos permitirá saber en poucos minutos se somos positivos na Covid. O test de antíxenos poderemos mercalo na oficina de farmacia sen necesidade de ter ningunha receita médica. Unha medida moi agardada polos farmacéuticos.

María José García Gómez. Titular de farmacia: "Este é un cambio moi desexado e esperado, podemos acercar a posibilidade de facer tests á poboación que moitísimas veces nos demandaban a adquisición dun test e non llo podíamos dar porque non tiñan receita".

E cales son as principais diferenzas do test de antíxenos cunha proba PCR? "A diferenza fundamental é que a técnica da PCR dá positivo desde o primeiro día do contaxio mentres que o test de antíxenos hai unha ventá duns cinco días ata que a carga viral é suficiente para que dea positivo", di María José.

Unha das vantaxes do test é que o resultado é inmediato, fronte á PCR, que ten que pasar por un laboratorio. Unha medida que para os cidadáns resulta áxil e positiva.

"A verdade é que mellor vai máis rápido e sempre tes unha oficina a man" "Todo o que facilite o control e o coñecemento de cada un do seu estado sempre é positivo".

O vindeiro martes o Consello de Ministros aprobará o real decreto que permita a venda destes produtos sen necesidade de receita.

Noticias web

14/07/2021