CRTVG

Buscar

A participación no cribado masivo realizado en Tui foi do 70% e en Redondela, do 50%

Publicado o 11/12/2020 18:49
A participación no cribado masivo realizado en Tui foi do 70% e en Redondela, do 50%

A participación no cribado masivo realizado en Tui (Pontevedra) para detectar casos asintomáticos de COVID-19 foi do 70,16%, mentres que no municipio de Redondela, esa participación reduciuse a pouco máis da metade das persoas citadas (50,3%), segundo fontes do Sergas.

Precisamente Tui e Redondela son dous municipios da contorna de Vigo cunha incidencia acumulada de casos máis elevada. Así, en Tui detectáronse 47 casos novos nos últimos 14 días, mentres que, en Redondela, confrmáronse 111 casos de COVID nas últimas dúas semanas e mantense unha tendencia á alza.

Para frear posibles brotes e detectar casos sen síntomas, levouse a cabo un cribado en Tui, para o que se citaron 2.500 persoas, das que acudiron 1.754. No caso de Redondela, convidouse á participación no cribado 3.000 veciños, pero só fixeron as probas 1.509.

Ademais destes tests, Sanidade iniciou un cribado masivo na localidade de Moaña, coa previsión de citar a case 20.000 persoas este xoves.

Por outra banda, tamén foron citados nos últimos días miles de pacientes dos centros de saúde vigueses de Sárdoma, Lavadores, A Dobrada, Pintor Colmeiro, rúa Cuba, Rosalía de Castro e A Dobrada, aínda que Sanidade non informou do número de casos detectados. Así mesmo, e á marxe dos cribados en residencias, están a facerse probas tamén a traballadores de diferentes programas sociais de concellos e ONG.