Estabilízase a pandemia en España cunha incidencia que repite nos 139 casos
A ministra de Sanidade Carolina Darias reiterou que segue a tendencia lenta pero descendente da pandemia, que xa está "próxima á estabilización" e que este mércores rexistra unha incidencia acumulada por cada 100.000 habitantes en 14 días de 139,5 casos, cinco décimas superior á de onte. Ademais, este mércores notificáronse 234 mortes nas últimas 24 horas a causa da covid−19 e 13.459 novos positivos.
O Ministerio de Sanidade informou tamén de que segue o seu ritmo descendente, pero lento, a ocupación das UCI, que é do 22,8 %, con 2.320 pacientes de covid−19 ingresados nestas unidades. Esta situación tamén se rexistra no conxunto do sistema hospitalario, en que a presión baixa tres décimas, ata o 7,28 %.
O número total de contaxiados en España é de 3.178.442 e o de falecidos como consecuencia do virus de 71.961, dos cales 518 se notificaron nos últimos sete días. Hai unha semana notificábanse 543 para igual período.
Segundo explicou Darias en conferencia de prensa, hai 12 comunidades en que se espera que se manteña o descenso suave; noutras tres podería producirse un lixeiro ascenso que "podería representar ondulacións esperables en período val de transmisión" e en tres máis, estancamento.
Darias expresou a súa preocupación polas variantes da covid−19, principalmente a británica, que "cada vez ocupa máis nicho", cunha media nacional en torno ao 40 por cento, aínda que hai unha "gran variabilidade territorial".
As maiores incidencias rexístranse en Melilla (404,6), Ceuta (284,28) e Madrid (226,5), mentres que o resto de comunidades está por baixo dos 200 casos por cada 100.000 e habitantes e Estremadura é a única que cumpre o obxectivo de Sanidade, cunha incidencia inferior aos 50 casos (44).