A pandemia obriga a suspender a feira cabalar do San Martiño de Teo
• É a segunda vez que se suspende en case cinco séculos de historia
Un ano común, este este 11 de novembro na carballeira de Francos en Teo, amencería repleta de xente. Alí, desde 1557, celébrase a feira cabalar do San Martiño, considerada a máis antiga de Galicia. Pola contra o aspecto que presentaba esta mañá é ben distinto. Baleira, en silencio e sen o arrecendo a polbo e churrasco, dous dos ingredientes clásicos desta cita.
Os veciños espertaban hoxe co corazón un pouco máis encollido, e con morriña dunha festa que é sinal de identidade da parroquia. Din os maiores do lugar que non lembran que se suspendera nunca a feira. Hai que retrotraerse ata o ano 1918 en que hai documentada a única cancelación por mor doutra pandemia a da gripe española.
O Concello organizou actividades para nenos e familias durante todo o mes mantendo as medidas sanitarias. Hoxe permitiu a instalación de postos de venda de polbo para levar en varios puntos da localidade. Unha maneira de manter o arrecendo e sabor típicos da feira.
Mentres, os veciños de Teo poñen xa a ollada e as esperanzas no ano que vén e a conta atrás para a feira do San Martiño de 2021.