CRTVG

Buscar

A pandemia de coronavirus supera os 60 millóns de casos no mundo

Publicado o 27/11/2020 17:42
A pandemia de coronavirus supera os 60 millóns de casos no mundo


Os casos de covid-19 rexistrados pola Organización Mundial da Saúde (OMS) superaron hoxe a barreira dos 60 millóns, mentres que nas últimas 24 horas reportáronse ao organismo con sede en Xenebra 11.200 novas mortes, a terceira cifra diaria máis alta no que vai de pandemia.

A curva de contaxios diarios a nivel global, con todo, mantén o seu descenso, con 577.000 novos casos na pasada xornada, unha cifra aínda alta, pero que foi baixando paulatinamente desde que a mediados de novembro marcara un récord de case 670.000 infeccións nun só día no planeta. América, con 25,5 millóns de casos e 711.000 mortes, parece finalmente rexistrar un tímido descenso na súa gráfica de contaxios, aínda que non todos os países da rexión mostran igual comportamento: a curva baixa nos Estados Unidos, A Arxentina ou Colombia, pero volve subir no Brasil ou México.

Europa suma 17,7 millóns de contagios e 395.000 mortes, cunha curva de contaxios que descende desde hai dúas semanas mentres que segue en ascenso a de falecidos, con cifras superiores mesmo ás de marzo e abril. En Europa a curva de casos diarios sobe aínda en Rusia, o país con máis contaxios do continente, mentres que baixa en Francia, España, Italia, o Reino Unido e Alemaña, outros países cun alto número de casos absolutos na rexión.

Chama a atención o caso xermano, xa que Alemaña logrou capear a primeira onda da pandemia cun baixo número de casos, pero é unha das nacións europeas máis golpeadas nesta segunda onda e podería superar pronto o millón de casos. 


Os hospitalizados en coidados intensivos tocan novo máximo en Portugal

Portugal notificou hoxe 5.444 contaxios de covid-19, 939 menos que un día antes, pero as hospitalizacións en coidados intensivos volveron crecer e rexistraron un novo máximo de toda a pandemia, con 526 pacientes. Segundo o boletín da Dirección Xeral de Saúde ( DGS), reportáronse ademais 67 mortes. Os pacientes recuperados no planeta ascenden a 42,5 millóns e dos 17 millóns de casos activos un 0,6 % (105.000) atópanse en estado grave ou crítico. 

Noticias web

27/11/2020