CRTVG

Buscar

A pandemia chega a un punto de inflexión en España: os inmunizados superan os contaxiados

Publicado o 20/04/2021 17:56

• Darias: "É o comezo da fin"

A ministra de Sanidade asegurou no Senado que o pico da cuarta onda xa pasou, e que se se cumpren as súas previsións, a finais desta semana empezarán a baixar os contaxios. Para Carolina Darias este martes é un día clave no avance da pandemia: por primeira vez o número de inmunizados, os vacinados coas dúas pautas, supera o de contaxiados.

Carolina Darias, ministra de Sanidade: "Hoxe estamos nese punto de inflexión do comezo do fin da pandemia, porque xa temos máis ritmo que o virus"

A titular de Sanidade tamén anunciou que o Goberno se vai encargar de vacinar os membros dos corpos e forzas de seguridade do Estado en Cataluña, xa que a Generalitat non os incluíu de momento no calendario. Junts per Cataluña e Esquerra defenden a estratexia.

Mirella Cortès, ERC:"Será así porque en Cataluña a prioridade son os que teñen entre 60 e 65 anos"

Case todos os partidos lle reprocharon á ministra os vaivéns coas vacinas, e o exceso de optimismo cos obxectivos de vacinación.

Antonio Alarcó, PP: "En España hai que vacinar 600.000 persoas diarias para chegar en setembro á inmunidade de rabaño, que non é do 70 por cento, porque o virus vai mutando, van aparecendo novas cepas, e a inmunidade estará daquela no 80%"

Carolina Darias defendeu a estratexia de vacinación, e asegurou que España está entre os países da Unión Europea que levan mellor ritmo de inmunización