CRTVG

Buscar

A ourensá Raquel Carrera fai historia: foi a número 15 do draft da WNBA

Publicado o 16/04/2021 17:27

• É a posición máis alta da historia conseguida por unha xogadora española

Con só 19 anos, a ourensá Raquel Carrera acaba de facer historia no baloncesto feminino español. 
Foi elixida no Draft da NBA feminina, no posto número 15 por parte dos Atlanta Dream. Nunca antes unha xogadora española chegara tan arriba no Draft estadounidense. Veremos que decisión toma Raquel, se decide ou non cruzar o Atlántico, pero, desde logo, Raquel está vivindo a semana máis importante da súa meteórica carreira deportiva.

Fai vinte anos en outono, pero o agasallo chegoulle por adiantado. Raquel Carrera sempre vai por diante do que marca o seu DNI. Xogou un mundial sub-17 con catorce anos e gañou un ouro e unha prata nos Europeos sub-16 e sub-18.

Aos dezaseis, no Celta, a piques estivo de arrebatarlle o ascenso ao seu actual equipo. Progresión espectacular desta talentosa pivote, que comezou case por casualidade, con apenas sete anos.

O Pabellón Ourense foi o club que viu nacer, a partir dos 13 anos medrou no Celta e en 2019 asinou un contrato por cinco temporadas co Valencia.

Iso foi hai dous anos, antes da histórica clasificación no draft, de abraiar na Eurocup e de debutar coa selección absoluta. Mondelo conta con Raquel. E Raquel segue soñando.



 

Noticias web

16/04/2021