A Organización Mundial da Saúde defende manter abertas as escolas
• A OMS cre que os confinamentos son evitables

A Organización Mundial da Saúde (OMS) defendeu este xoves a necesidade de manter abertas as escolas durante a pandemia de coronavirus e considera que se poden evitar os confinamentos se se aumentan as medidas de protección.
"Debemos asegurar o ensino para os nosos fillos", afirmou o director para Europa da OMS, Hans Kluge, resaltando que os nenos e adolescentes non son impulsores principais do contaxio e que o peche das escolas non é efectivo.
Manter a maioría das escolas abertas en Europa durante case cen días seguidos é un motivo de satisfacción, sostivo, xa que o peche pode afectar tamén a saúde mental dos mozos e ter consecuencias sociais.
Kluge sinalou tamén que os confinamentos son "unha medida de último recurso" e que provocan moitos efectos secundarios, como danos á saúde mental ou aumento da violencia de xénero, e que se o uso das máscaras supera o 95 % entre as persoas, non serían necesarios.
Aínda que usar máscara non é unha "panacea" e debe complementarse con outras medidas, cando se dá un uso inferior ao 60 %, "é difícil evitar os confinamentos", afirmou nunha comparecencia dixital en Copenhague, sede da oficina rexional da OMS.
A defensa das escolas e do uso das máscaras para evitar os confinamentos foron dúas das mensaxes centrais de Kluge, quen cualificou de "grande esperanza na loita contra o virus" as noticias aparecidas nos últimos días sobre os avances en varios ensaios de vacinas contra a covid-19.
A OMS incidiu con todo na importancia de que todos os países teñan o mesmo acceso ás futuras vacinas.
"A vacina é moi importante, pero tampouco é unha fórmula milagrosa", afirmou Kluge, aludindo á necesidade de completala con outras medidas protectoras.
Un morto por covid-19 cada 17 segundos en Europa
Europa rexistrou xa máis de 15,7 millóns de casos, o 28 % en todo o mundo e máis de 4 millóns só en novembro, mentres que as mortes rozan as 355.000, o 26 % global.
Máis do 80 % dos países notificaron unha incidencia elevada de novos casos (máis de 100 por cada 100.000 habitantes) nos últimos 14 días, e nun terzo rexistráronse máis de 700 por 100.000 habitantes.
"Nas últimas dúas semanas, as mortes por covid-19 aumentaron un 18 %. A semana pasada, Europa rexistrou máis de 29.000 novos falecementos, iso significa unha persoa cada 17 segundos", informou Kluge.
A segunda onda de coronavirus provocou tamén "indicacións crecentes" relacionadas con sistemas sanitarios desbordados en Francia e en Suíza, entre outros.
Kluge destacou, non obstante, que o número de novos casos en Europa baixou de 2 millóns hai dúas semanas a 1,8 millóns o últimos sete días, unha caída que se explica polo comportamento responsable dos cidadáns.