CRTVG

Buscar

A oposición venezolana chama a unha folga xeral, nun novo intento de apartar a Maduro do poder

Publicado o 02/05/2019 16:22

A oposición venezolana chamou á folga xeral, nun novo intento de apartar a Nicolás Maduro do poder. Maduro desmentiu que fora abandonar o país e negou as informacións da Casa Branca de que dirixentes chavistas e líderes opositores acordaran sacalo do poder e abrir o camiño para unha transición política.

Unha muller de 27 anos é a segunda vítima mortal confirmada dos violentos enfrontamentos que tiveron lugar onte en Caracas. A muller recibiu un tiro na cabeza cando participaba nas protestas do Primeiro de Maio que foran convocadas polo líder opositor Juan Guaidó como parte da denominada operación liberdade.

Guaidó chamou á folga xeral e dixo que Leopoldo López, liberado o día anterior do seu arresto domiciliario, buscara un refuxio seguro. López e a súa muller Lilian Tintori permanecen na embaixada de España, onde os informaron de que a súa casa fora asaltada. Tintori culpou axentes do Servizo de Intelixencia.

Mentres, Nicolás Maduro negou que tivese pensado deixar o país. A Casa Branca ofreceulle a Cuba suavizar as sancións se retiraban o seu apoio a Maduro.

Washington cre que rusos e cubanos impediron un suposto acordo entre a oposición e dirixentes do chavismo para sacar a Maduro do poder e comezar un proceso de transición política.

 

Noticias web

02/05/2019