A oposición reclama que se atendan as súas peticións para que Feijóo compareza

As catro forzas da oposición en Galicia -PSdeG, Galicia en Común- Anova Mareas, BNG e Grupo Mixto- presentaron este martes unha queixa formal ao considerar que desde a Presidencia do Parlamento - do PPdeG- se "está a vulnerar o regulamento da cámara e coartando os dereitos dos grupos", que teñen como obriga o control do Executivo e a presentación de medidas de impulso.
Nun escrito dirixido á Presidencia da cámara, os grupos denuncian que a pesar de que, desde o inicio do estado de alarma e de alerta sanitaria, se solicitou en varias ocasións a comparecencia do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, esta petición aínda non se debateu pola Mesa da Deputación Permanente, como establece o regulamento.
Ao tempo, denuncian que mentres non se tramitan as peticións dos grupos da oposición, a Mesa "xa se pronunciou e deu luz verde ás comparecencias solicitadas polo Goberno con data moi posterior". Entenden por tanto, que o PPdeG -maioritario na Mesa- "está a utilizar a súa maioría para atar os grupos e para ter a Cámara a medio gas, cando debería estar a traballar a pleno rendemento para axudar a saír da crise".
As formacións que conforman a oposición en Galicia urxen a que cambie esta situación xa que se está actuando de forma contraria ao informe emitido polos servizos xurídicos da Cámara que recoñecía que se podían outorgar certas funcións á Deputación Permanente para garantir os dereitos dos deputados e propoñía que todos os grupos chegasen a un acordo.
A denuncia presentada este martes súmase á proposta conxunta rexistrada para reactivar o funcionamento do Parlamento, empezando pola comparecencia do xefe do Executivo que, critican, "mentres foxe da cámara da soberanía popular, se prodiga en comparecencias en directo desde a televisión pública