CRTVG

Buscar

A alcaldesa de Boimorto pide a baixa do PPdeG

Publicado o 29/01/2021 19:20

A alcaldesa de Boimorto, María Jesús Novo, deuse de baixa do PPdeG ata que se aclaren as circunstancias polas que a rexedora se vacinou xunto aos maiores e os traballadores da residencia municipal do concello coruñés.

O seu nome estaba na listaxe que o Concello enviou ao Sergas. Novo di que, como alcaldesa, exerce tamén como xefa de persoal do centro. 

A paralización obrigada do expediente impide que os populares galegos obteñan unha explicación a nivel interno por parte dunha exmilitante, pero fontes do partido aseguraron que seguirán investigando.

 Miguel Tellado confirmou que "nós temos solicitada a súa baixa cautelar, a súa suspensión cautelar do PP de Galicia. E o que lle esiximos á alcaldesa é que dea explicacións claras do que aconteu. A nós, as explicacións que deu ata o momento resúltannos insuficientes".

Tanto o BNG como o PSdeG esixiran ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, que dea "explicacións" ao considerar que a rexedora foi vacinada de forma "irregular".

A formación nacionalista rexistrou unha iniciativa no Parlamento galego para pedir unha aclaración por parte da Xunta sobre un feito que ven "moi grave e inxustificable".

O deputado do BNG Xosé Luís Rivas subliñou que a alcaldesa de Boimorto "non mantén ningún tipo de relación sanitaria que xustifique a vacinación, a pesar de que o seu cargo a converte en xefa de persoal da residencia municipal que conta con dirección propia".

O PSdeG de Gonzalo Caballero demandou nunha nota que Núñez Feijóo resolva este asunto porque "non pode haber sombras de sospeita" sobre como se está desenvolvendo o proceso de vacinación.

O deputado galego de Unidas Podemos no Congreso, Antón Gómez Reino, esixiu a dimisión "inmediata" de Novo. Nun comunicado, solicita a súa saída do cargo con moita brevidade.

Así mesmo, o representante de Unidas Podemos aproveita para preguntarlle ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, se hai "máis altos cargos ou membros dos seus partidos" que se vacinaron antes de que o fixesen a totalidade dos anciáns e do persoal sanitario, primeiros grupos aos que van destinados os fármacos.

Tamén o PSOE de Boimorto esixiu á alcaldesa e ao presidente da Xunta "responsabilidade e que tomen as decisións que consideren correspondentes".