CRTVG

Buscar

A oposición en Israel anuncia que chegou a un acordou para desbancar a Netanyahu

Publicado o 02/06/2021 22:45
A oposición en Israel anuncia que chegou a un acordou para desbancar a Netanyahu
EFE

O líder da oposición Yair Lapid, encargado de formar goberno en Israel, anunciou hoxe que logrou pechar un pacto coas forzas opositoras para crear un executivo que desbancaría do poder o actual primeiro ministro Benjamin Netanyahu.

A nova coalición de goberno, composta por partidos de case todo o arco ideolóxico —incluído un partido árabe por primeira vez—, estará liderada polo ultranacionalista relixioso Naftali Benet durante os dous primeiros anos, que será substituído polo centrista laico Lapid durante os dous seguintes.

Pouco antes da medianoite, cando acababa o seu prazo para conformar un Executivo, Lapid, líder do centrista Yesh Atid, comunicou ao presidente de Israel Reuvén Rivlin que lograra un pacto de goberno en que estarían implicados outros sete partidos da oposición. "Comprométome con vostede, señor presidente, a que este goberno traballará para servir a todos os cidadáns de Israel", dixo Lapid, que agregou que fará todo o que estea ao seu alcance "para unir a todas as partes da sociedade israelí".

O líder centrista informou tamén ao presidente da Knéset (Parlamento) Yariv Levín e instouno a convocar unha sesión especial canto antes para levar a cabo o xuramento do novo Executivo. Este podería producirse tan pronto como a semana que vén ou estenderse por un prazo de ata doce días. “Felicítoos a vostede e os líderes dos partidos polo seu acordo para formaren goberno. Esperamos que a Knéset se reúna canto antes para ratificar o goberno", respondeu Rivlin.

Ademais de Yesh Atid e Yamina, o partido que lidera Benet, o próximo Executivo estará composto polo ultradereitista Israel O Noso Fogar, o dereitista Nova Esperanza, o centrodereitista Azul e Blanco, o centroesquerdista Partido Laborista, o esquerdista e pacifista Meretz e o islamita árabe Raam. 

Estes oito partidos concentran un total de 62 escanos dunha Cámara de 120, que significa unha maioría suficiente para gobernar pero garante unha coalición inestable. A isto agrégase a diversidade ideolóxica dos partidos, que demorou ata último momento o acordo alcanzado hoxe e que podería continuar sendo un factor problemático nos días previos á ratificación do novo Goberno.

Aínda que todos os líderes do partidos membros puxeron hoxe a súa firma no documento fundacional do novo Executivo, os acordos entre eles son de carácter político e non os comprometen legalmente, polo que aínda poderían reverter a súa posición ou mesmo votar en contra da súa ratificación durante a xura.

De concretarse a formación desta coalición, Benjamin Netanyahu abandonaría o cargo de primeiro ministro tras 12 anos e pasaría a liderar a oposición a través do seu partido, o Likud. Ademais, Israel sairía dun bloqueo político de máis de dous anos que incluíu catro eleccións xerais.