CRTVG

Buscar

A oposición empraza a Feijóo a pactar o calendario electoral e "non ir a rebufo" de Euskadi

Publicado o 24/04/2020 15:39
A oposición empraza a Feijóo a pactar o calendario electoral e "non ir a rebufo" de Euskadi

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, empraza ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, a acordar un calendario para retomar o proceso electoral en Galicia, e asegura que non dispón de ningunha información dos plans da Xunta ao respecto.

Por este motivo, lembroulle a Alberto Núñez Feijóo que a prórroga electoral non supón un "cheque en branco" para un Executivo que está a funcionar -recalcou- en situación de excepcionalidade.

Así pois, insistiu en que o titular da Xunta debe "comparecer, dar explicacións e estar á altura" do momento, no canto de furtar ao Parlamento galego das súas comparecencias, xa que tan só interveu ante a Cámara unha vez desde o comezo da crise a pesar de atoparse nunha situación anómala no plano competencial.

Non  "ir a rebufo"

Pola súa banda, a voceira nacional do BNG, Ana Pontón, apuntou que as eleccións galegas deben celebrarse "cando se dean as condicións sanitarias para votar sen riscos para a saúde". Insistiu en que "o BNG foi o primeiro en pedir aprazar a celebración das eleccións", porque, no medio dunha pandemia, "o único importante é a saúde das persoas" e, a día de hoxe, a formación nacionalista "segue pensando o mesmo".

"As eleccións só deben celebrarse cando existan todas as garantías sanitarias para ir ás urnas; nin un minuto antes, nin un minuto despois", apuntou Pontón, que manifestou o seu desexo de que "a data das eleccións en Galicia se decida en Galicia", de tal modo "que non volva ser o lehendakari quen diga cando temos que votar".

Deste xeito, a líder nacionalista emprazou o presidente da Xunta a que "non se limite a facer seguidismo e ir a rebufo".