CRTVG

Buscar

A oposición, dividida pola data das eleccións ao Parlamento de Galicia

Publicado o 14/05/2020 21:18

En Marea e Ciudadanos apoian a proposta do presidente da Xunta de convocar as eleccións ao Parlamento en xullo. En Marea aposta polo 19 de xullo porque permitiría realizar a campaña electoral cando xa estivese finalizada a desescalada. En Ciudadanos din que non hai ningunha data ideal, pero xullo parécelles a que pode ter máis garantías.

"A data do mes xullo non nos parece a máis axeitada pero tamén é verdade que a data de setembro ou outubro, ás portas do outono, tampouco dá seguridade porque os expertos si que afirman que haberá unha segunda ondada", di Beatriz Pino de Ciudadanos.

O BNG está en contra de ir votar en xullo.  Ana Pontón di que é unha irresponsabilidade convocar os comicios en plena pandemia e en estado de alarma. A voceira nacional do BNG agarda que a decisión de votar en xullo non se teña que lamentar no futuro.

"Os informes que nos remitiu poñen de manifesto que esta é unha fase importante en que non se pode predicir que vai pasar no futuro e, polo tanto, nós seguimos insistindo en que é unha irresponsabilidade, unha temeridade convocar eleccións en plena pandemia", asegura Ana Pontón, voceira nacional do BNG.

Na mesma liña que o BNG sitúase Galicia en Común. Antón Gómez-Reino di que o presidente da Xunta non pode asegurar que as eleccións se realicen con todas as garantías sanitarias e democráticas. Critica ademais que na reunión Feijóo non lles propuxese unha data concreta para ir votar. O PSdeG é a terceira formación en contra da celebración de eleccións en xullo. Gonzalo Caballero critícalle ao presidente da Xunta que "priorice os intereses electorais" e lamenta que "abandone o consenso".

"O que onte remitiu aos grupos politicos en ningún momento lle dá solvencia nin apoia que o presidente da Xunta deba convocar unhas eleccións en fase de emerxencia sanitaria e cando estamos na fase de desescalada", afirma Gonzalo Caballero, secretario xeral do PSdeG.

O PPdeG apoia a proposta de Feijóo que segue, din, as recomendacións dos expertos sanitarios e xurídicos. Os populares ven moi arriscado deixar os comicios para setembro.

"Estamos agora en moita mellor situación para facer as eleccións que á volta do verán. Se entramos en outubro habería tamén moitos problemas de actuación, non xa os que hai neste momento, con incapacidade de lexislar, senón que tamén se podería cuestionar a lexitimidade do Goberno", di Pedro Puy do PPdeG.

Noticias web

14/05/2020