CRTVG

Buscar

A oposición denuncia un uso partidista da web municipal do Concello da Coruña

Publicado o 08/05/2019 15:09

A páxina institucional do Concello da Coruña presenta na súa portada unha crítica ao voto en contra de PP e PSOE ao proxecto de remunicipalización das bibliotecas por non contar, din, cos informes técnicos necesarios. O alcalde réstalle importancia é di que é unha máis das novas que levan emitindo nestes catro anos a través mesmo dos parquímetros da ORA. 

Xulio Ferreiro, alcalde da Coruña: "Non me parece que haxa nada especial nestes días. Outra cousa é que lle poida gustar máis ou menos ao PSOE o contido da noticia".

Desde a oposición denuncian o uso partidista da información municipal para facer campaña electoral. 

Yoya Neira, PSOE: "Os medios institucionais e as contas oficiais do Concello da Coruña teñen que estar exclusivamente para dar información e a crítica política sempre, pero máis en período electoral, debe facerse polos medios propios dos que dispoña cada partido".

Rosa Gallego, PP: "O colmo é que saques o tícket da ORA e atopes a mentira de Ferreiro. Este é un réxime democrático e os cidadáns teñen dereito á obxectividade do Goberno".

O BNG súmase á crítica e di que a confusión entre información municipal e de partido vén sendo unha práctica habitual da Marea Atlántica durante todo este mandato.

Noticias web

08/05/2019