A oposición cualifica de fraude as eleccións lexislativas de Venezuela
Estas eleccións parlamentarias celébranse en medio de chamamentos de Maduro e do chavismo "a votar pola paz", din, e das forzas opositoras a absterse por consideralas "unha fraude".
Juan Guaidó, presidente da Asemblea Nacional: "Xa Maduro e o réxime teñen moi claro que ninguén vai recoñecer nin lle vai dar lexitimidade a ese proceso como sucedeu o 20 de maio de 2018".
Máis de 20 millóns de venezolanos están chamados a elixir os deputados que formarán a nova Asemblea Nacional, que o chavismo trata de recuperar.
O Parlamento, actualmente de ampla maioría opositora e presidido por Juan Guaidó, renovarase o vindeiro 5 de xaneiro, cando tomarían posesión do seu escano os 277 lexisladores que resulten elixidos nesta xornada, 110 máis dos que había ata o de agora.
"Acepto o teu reto, imos a un plebiscito, o domingo se vostedes gañan eu marcho da presidencia", di Nicolás Maduro.
A votación está a ser boicoteada polos principais líderes da oposición, que chamaron os seus seguidores a quedar na casa. Nin Juan Guaidó, nin Leopoldo López, que se atopa en España, participan nestes comicios. Pero os seus partidos con directivas impostas polo Consello Nacional Electoral, si compiten.
Leopoldo López participaba esta tarde nun acto de protesta en Madrid. Acusaba a Maduro de chantaxear a poboación e pedía á comunidade internacional que non recoñeza os resultados.
"O mundo enteiro que entenda que hoxe non só hai unha fraude, senón que a Asemblea Nacional a partir do 5 de xaneiro, electa lexitimamente en decembro de 2015, ten que continuar co seu mandato institucional e que Juan Guaidó ten que continuar como presidente encargado".
Esixen unhas eleccións xustas, libres e verificables. Desde mañá e ata o día 12 celebrarase unha consulta cidadá impulsada por Guaidó e pola Asemblea Nacional para rexeitar estes comicios.