CRTVG

Buscar

A oposición, crítica coa data escollida por Feijóo para celebrar as eleccións

Publicado o 18/05/2020 20:09

A proposta de Feijóo de reducir a campaña non calla na oposición, que só fala de adaptala á nova realidade. BNG, Galicia en Común e PSdeG critican ademais a data, din que non hai garantías de que poidan celebrarse con normalidade. Os populares galegos apuntan que Feijóo escolleu o 12 de xullo seguindo as recomendacións dos informes dos expertos.

"Garantir e asegurar que a saúde dos galegos non vai correr ningún risco nesa convocatoria para o exercicio do dereito ao voto", di Beatriz Pino, portavoz de Ciudadanos en Galicia.

"Agora veñen co da campaña curta. Curta por que? Terá que ser segura. O que o señor Feijóo quere facer é un atentado democrático", afirma Pancho Casal, portavoz de En Marea.

"Cremos que é unha temeridade por parte de Feijóo ir a unha convocatoria electoral no medio dunha pandemia, en pleno estado de alarma e de emerxencia sanitaria e xusto ademais na fase de desescalada", asegura Ana Pontón, voceira nacional do BNG.

"Imos empregar todas as medidas ao noso alcance para buscar que se garanta un proceso democrático limpo. Limpo por unha parte e, por outra, un proceso democrático onde non se poña en risco a vida", anuncia Antón Gómez-Reino, voceiro de Galicia En Común-Anova Mareas.

"Feijóo impón un calendario electoral que os galegos non compartimos. Está escribindo as súas últimas páxinas á fronte do Goberno da Xunta e os socialistas estamos preparados para darlle a Galicia un proxecto de compromiso coa sanidade pública co estado do benestar e unha política de reconstrución ao servizo da cidadanía", di Gonzalo Caballero, secretario xeral do PSdeG.

"Cremos que é unha mágoa que haxa partidos en Galicia que critiquen a data das eleccións sen propoñer unha data alternativa e sen facer caso dos criterios dos expertos sanitarios. Cremos que é unha hipocrisía inaceptable que os mesmos partidos que propiciaron no Congreso dos Deputados que se puideran celebrar as eleccións autonómicas tanto no País Vasco como en Galicia, agora critiquen a data fixada polo presidente da Xunta de Galicia", afirma Miguel Tellado, secretario xeral do PPdeG.

Noticias web

18/05/2020