CRTVG

Buscar

A oposición critica a pasividade do Goberno ante os incidentes en Cataluña

Publicado o 15/10/2019 20:08

O Goberno minimiza os incidentes en Cataluña. Carmen Calvo di que, pese ao asalto ao Prat, o aeroporto funcionou este luns ao 80% da súa capacidade. Con todo, pide responsabilidade para evitar situacións, dixo, que non lle conveñen a ninguén. Carmen Calvo, vicepresidenta do Goberno en funcións, cre que "agora todos debemos remar na mesma dirección; que a parte de Cataluña que contesta a sentenza poida facer a súa manifestación libre de discrepancia; que o resto, que é maioritaria, poida ter a súa vida sen alteracion e que todos esteamos ao que é básico en democracia: garantir a liberdade e a seguridade"

Pero PP e Ciudadanos critican o que entenden que é pasividade do Executivo. Inés Arrimadas lamentaba ademais as mensaxes de Torra felicitando os manifestantes.

Inés Arrimadas, voceira de Ciudadanos no Congreso, pregúntase: "somos os únicos que temos que aguantar como un Goberno felicita uns radicais que atacaron un aeroporto? No ten o Goberno de España máis que dicir que 'os incidentes foron moi poucos'?"

Pablo Casado, presidente do PP, cre que "ante calquera novo corte de infraestruturas, ante calquera intento de presión sobre calquera institución pública, o Goberno debe activar a Lei de seguridade nacional"

Casado condicionou ademais o seu apoio a Sánchez en Cataluña a que o PSOE rompa os pactos municipais e na Deputación de Barcelona cos independentistas. E coa vista posta no 10-N, Pablo Iglesias interpretaba así a reacción á sentenza do presidente do Goberno en funcións.

Pablo Iglesias, secretario xeral de Podemos, sospeita que "ao mellor, para o Partido Socialista, a sentenza de onte é a escusa perfecta para gobernar co PP"

Noticias web

15/10/2019