CRTVG

Buscar

A operación especial de tráfico da ponte da Constitución deixa unha vítima mortal en Galicia

Publicado o 08/12/2019 21:09

Cinco feridos e tres coches implicados. Este é o resultado do accidente de tráfico que se produciu no quilómetro 145 da nacional 550, unha das estradas con maior intensidade de tráfico da rede galega. Nesta curva un primeiro vehículo perdeu o control e invadiu o carril contrario batendo contra un segundo coche, coa varanda de protección e cun terceiro turismo. Ao seu paso polo barrio de Costeira, no lugar de Quintela, en Redondela, cortaron a estrada e o tráfico foi desviado por unha hora. Os cinco feridos, ningún de consideración grave, foron trasladados ao hospital de Fátima. O condutor que provocou o accidente non deu positivo nin no test de alcol nin no de drogas.

Dous feridos, un deles grave, é o saldo destoutro accidente en Vilagarcía. Foi un choque frontolateral entre dous vehículos á altura de Rubián. Un deles invadiu o carril contrario e impactou violentamente co coche que avanzaba no outro sentido. Cortaron dous carrís da nacional 640 durante algo menos de media hora.

A única falecida en Galicia nesta ponte da Constitución que remata ás doce da noite foi neste sinistro, de madrugada, na estrada secundaria que une O Pino e Touro. O turismo en que circulaban tres rapaces foi fóra da vía, levou por diante un tramo de quince metros de varanda de protección e envorcou uns metros despois.

Noticias web

08/12/2019