CRTVG

Buscar

A ONU pide aos países veciños de Afganistán que abran as súas fronteiras

Publicado o 20/08/2021 21:23

En Afganistán, milleiros de persoas seguen rodeando o aeroporto de Cabul coa esperanza de poder coller un avión que os saque do país. As milicias talibáns buscan casa por casa os opositores e a ONU pídelle aos países veciños que abran as súas fronteiras.

Os disparos atronan sen descanso na entrada do aeroporto de Cabul. As milicias talibáns queren impedir que os afgáns abandonen o país. Os soldados occidentais, loitan por controlar as avalanchas de xente. Ao final, ninguén sabe xa de onde veñen as balas. 

Moitas familias cos papeis en regra para poder irse non conseguen entrar no aeroporto. E no medio da desesperación, algúns pais entregan os seus bebés aos soldados para que os saquen do país.

Os novos gobernantes aseguran que Cabul xa recuperou a normalidade. E aparecen en televisións estranxeiras dicindo que queren negociar unha transición, formar un goberno inclusivo e que non haberá represalias. Pero a realidade é moi distinta.

No interior das mesquitas, homes armados asegúranse de que os imáns transmitan no sermón do venres as palabras que eles ordenan, que pidan unidade e animen os afgáns a quedar na casa. Informes da ONU alertan ademais de que os milicianos están buscando opositores políticos e activistas porta por porta. Por iso piden que os países veciños abran as súas fronteiras.

Shabia Mantoo, voceira da axencia para refuxiados da ONU: "Nacións Unidas está preocupada pola violacións de dereitos humanos contra civís, incluídas mulleres e nenas. A día de hoxe, aqueles que poden estar en perigo non teñen saída. Facemos un chamamento aos países veciños de Afganistán para que manteñan as fronteiras abertas".

Os talibáns amosan o seu poder nas rúas. Pero aínda hai persoas que arriscan a súa vida manifestándose contra o novo réxime, como estas mulleres, que non queren perder os dereitos adquiridos durante os últimos anos.

Noticias web

20/08/2021