CRTVG

Buscar

A ONU, os EUA e España piden a liberación dos líderes opositores en Nicaragua

Publicado o 09/06/2021 23:28

• Ata catro rivais de Daniel Ortega foron detidos esta semana

A ONU, os EUA e España piden a liberación dos líderes opositores en Nicaragua
EFE

As autoridades nicaraguanas continuaron este mércores os arrestos de líderes da oposición, que inclúen catro aspirantes á Presidencia de Nicaragua, mentres os Estados Unidos sancionaron catro asesores do mandatario Daniel Ortega, incluída a súa filla Camila Antonia Ortega Murillo.

O secretario xeral da ONU António Guterres pediu a Nicaragua a liberación dos líderes da oposición que foron detidos nos últimos días e a restitución dos seus dereitos políticos. O Goberno español tamén pediu a "liberación inmediata" dos precandidatos ás eleccións presidenciais de Nicaragua "detidos, encarcerados ou retidos" —Cristina Chamorro, Arturo Cruz, Félix Maradiaga e Juan Sebastián Chamorro—, e mais doutros "opositores".

A Policía encarcerou o martes o aspirante Chamorro, o extitular do Consello Superior da Empresa Privada (COSEP) José Adán Aguerri e a activista Violeta Granera, e este mércores fíxoo co político e exviceministro de Exteriores José Pallais. Despois do mediodía do martes e tras comparecer ante o Ministerio Público, xa fora detido Maradiaga.

Eses cinco opositores foron detidos baixo a acusación de "realizar actos que menoscaban a independencia, a soberanía, e a autodeterminación, incitar á inxerencia estranxeira nos asuntos internos, pedir intervencións militares" e outros delitos, segundo informou a Policía Nacional, que dirixe Francisco Díaz, consogro do presidente Ortega.

A primeira detida, a semana pasada, foi Cristina Chamorro, filla da exmandataria Violeta Barrios de Chamorro (1990-1997) e a figura da oposición con maior probabilidade de gañar as presidenciais de novembro próximo, e o segundo foi Arturo Cruz, embaixador nos Estados Unidos do Goberno de Ortega entre 2007 e 2009. 

Noticias web

09/06/2021