A ONU denuncia que os discapacitados son os máis afectados pola pandemia

Nacións Unidas denunciou este martes que os 1.000 millóns de discapacitados que hai no mundo están a ser os máis afectados pola pandemia do coronavirus, e pediu aos Gobernos que establezan as medidas necesarias para dar unha resposta á COVID-19 "inclusiva para todo o mundo".
"A xente con discapacidades ten maior probabilidade de vivir na pobreza e sofre taxas maiores de violencia, abandono e abuso. A pandemia está a intensificar estas desigualdades e produce novas ameazas", dixo nunha mensaxe audiovisual o secretario xeral da ONU, António Guterres, con motivo do lanzamento do informe Resposta inclusiva de discapacidade á COVID-19.
O máximo representante de Nacións Unidas subliñou que as persoas con discapacidades están entre os máis afectados pola enfermidade e ademais afrontan unha falta de acceso á sanidade pública e importantes barreiras para executar medidas de hixiene básica. Como evidencia da precaria situación que viven os discapacitados nesta pandemia, Guterres apuntou que o número de falecementos en residencias de anciáns representa desde un 19 % das mortes nalgúns países, ata un "incrible" 72 % noutras nacións.
"Nalgúns países as decisións do racionamento da sanidade están baseadas en criterios discriminatorios como a idade ou a suposición sobre a calidade ou o valor dunha vida baseándose nunha discapacidade. Non podemos permitir que isto continúe", instou o diplomático portugués. "Debemos garantir a igualdade de dereitos da xente con discapacidades para acceder a coidados sanitarios e procedementos que lle salven a vida", agregou.
Guterres falou ademais de que este sector da poboación xa afrontaba a exclusión do mundo laboral antes da crise, e daquela ten maior probabilidade de perder postos de traballo. Iso súmase a que só o 28 % das persoas con discapacidade ten acceso a axudas do Goberno, que no caso de países en vías de desenvolvemento é só o 1 %.
Subliñou tamén o maior risco de violencia machista a que se enfrontan as mulleres e nenas durante a epidemia. "Urxo aos Gobernos a que as persoas con discapacidades estean no centro da resposta á COVID-19 e nos esforzos de recuperación, e a consultar e comunicarse" con eles, pediu Guterres.
"Cando aseguramos os dereitos das persoas con discapacidades, estamos a investir nun futuro común", insistiu despois de lembrar que o ano pasado a ONU lanzou a súa estratexia de inclusión de discapacidades. En concreto, o informe Resposta inclusiva de discapacidade á COVID-19 apunta que o 15 % da poboación mundial ten algún tipo de discapacidade e que destes, o 80 % reside en países en desenvolvemento. Revela ademais que o 46 % das persoas por encima de 60 anos está nesta situación, e que unha de cada cinco mulleres probablemente o estará nalgún momento da súa vida.
Na lista de recomendacións que dá a ONU aos países para axudaren os discapacitados, o organismo pide "expandir o apoio comunitario", e pon como exemplo países como A Arxentina, O Perú e España. "As persoas que dan apoio a persoas con discapacidade están exentas das restricións de movemento e distanciamento físico", subliña Nacións Unidas sobre estas nacións.
Tamén propón reducir o número de persoas con discapacidades que estean internas en institucións "nos casos posibles", asegurar que a educación a distancia está dispoñible tamén para estudantes con discapacidades e ofrecer servizos de apoio ás vítimas de violencia machista accesibles para este sector da poboación.