CRTVG

Buscar

A OMS pide que non se levanten as restricións en España coa incidencia tan alta

Publicado o 11/02/2021 18:03

A Organización Mundial da Saúde (OMS) instou este xoves a aumentar os esforzos para reducir a transmisión do coronavirus e evitar así que as novas mutacións poidan afectar á eficacia das vacinas.

"A menos que deteñamos a transmisión agora, os esperados beneficios das vacinas para controlar esta pandemia poderían non ser evidentes", sinalou en conferencia de prensa o director de OMS-Europa, Hans Kluge.

"As vacinas son esenciais, pero non suficientes para controlar de momento a pandemia, son só unha ferramenta máis", resaltou o máximo responsable da OMS en Europa, que considera importante manter unha carteira variada de vacinas para diversos contextos.

A incidencia de novos casos reduciuse en Europa por cuarta semana consecutiva e as mortes por segunda semana, mentres os ingresos hospitalarios diminuíron tamén, pero a OMS insistiu en que os números seguen sendo "demasiado altos" e que a gran maioría de países son aínda "vulnerables".

A OMS citou como exemplo que, hai dous días, 40 países europeos rexistraron 3.610 mortes por coronavirus en 24 horas e que onte a incidencia de novos casos nas últimas dúas semanas era superior a 400 por cada 100.000 habitantes en 17 países. Por iso insiste en que é un momento "crítico" e advirte contra a "delgada liña" entre a vacina e unha falsa sensación de seguridade, e chama á prudencia á hora de relaxar as restricións que foron introducidas.

"Unha e outra vez vimos países que reabren demasiado rápido e perden beneficios gañados duramente. As decisións de levantar medidas de saúde pública e sociais deben estar sustentadas en datos, baseadas en análises epidemiolóxicas e na capacidade do sistema de saúde", afirmou Kluge.

España, entre os advertidos

A responsable de emerxencias da OMS, Catherine Smallwood, referiuse expresamente a España como exemplo dun país onde houbo unha caída do contaxio, pero continúa sendo alto, e iso debería ser motivo para non levantar restricións.

"Reducións relativas non significa que as taxas de transmisión sexan baixas. En España vemos unha caída relativa moi significativa, pero as taxas de transmisión mantéñense moi altas", dixo Smalwwod.

A experta da OMS resaltou que o SARS-CoV-2 se beneficia de calquera oportunidade que teña para transmitirse e que cada vez que se levanta unha restrición, cambia o equilibrio ao seu favor.

Durante a comparecencia, a OMS-Europa, con sede en Copenhague, informou de que 35 países da rexión ampliaron a secuenciación xenética do virus, determinante para identificar as novas mutacións, e que en 17 nacións se detectou a variante surafricana, máis contaxiosa, aínda que sen ampla transmisión comunitaria.

O número de doses da vacina fornecidas excede xa o de casos (41 millóns por 36 millóns), pero a OMS advertiu, con todo, de que 29 dos 37 países que iniciaron a vacinación puxeron xa as dúas doses a 7,4 millóns de persoas, o cal equivale só ao 1,5 % da súa poboación total.

Noticias web

11/02/2021