CRTVG

Buscar

A OMS pide aos países máis ricos que doen doses no canto de vacinar os nenos

Publicado o 14/05/2021 18:33
A OMS pide aos países máis ricos que doen doses no canto de vacinar os nenos
EFE

 Os países ricos que xa alcanzaron altos niveis de vacinación contra a covid-19 deberían preferiblemente doar doses excedentes de vacinas, en lugar de usalas para inmunizar as súas poboacións máis novas, afirmou hoxe o máximo responsable da Organización Mundial da Saúde (OMS).

"Entendo que algúns países queiran vacinar os seus nenos e adolescentes, pero úrxoos a que o reconsideren e en lugar diso doen máis dose a COVAX", sinalou o director xeral da organización, Tedros Adhanom Ghebreyesus.

Nunha conferencia de prensa, o experto etíope anunciou que el mesmo se vacinou esta semana contra a covid-19 no Hospital Universitario de Xenebra.

"Foi un momento agridoce, porque a vacina por unha banda é un triunfo da ciencia e a solidariedade globais, pero por outro os meus pensamentos estiveron cos traballadores sanitarios do mundo que loitaron contra a pandemia durante máis dun ano, xa que moitos deles aínda non están vacinados", afirmou.

Tedros insistiu en que a distribución global da vacina segue sendo moi desigual, con menos do 1 % das doses administradas por agora en países pobres. Neste sentido, o director xeral celebrou que varios gobernos nos últimos días se mostraron favorables a reducir as barreiras comerciais que frean esta distribución, e agradeceu concretamente as declaracións que neste sentido fixo esta semana o presidente español, Pedro Sánchez.

Lembrando que a pandemia causou 3,3 millóns de mortes, máis neste segundo ano de crise que no primeiro, Tedros declarou que a situación na India "segue sendo moi preocupante", pero tamén a de países como Nepal, Sri Lanka, varias nacións do sueste asiático e Exipto. Engadiu que en América, continente que concentra un 40 % das mortes durante a pandemia, segue habendo moitos países cun alto número de casos diarios. 

Noticias web

14/05/2021