CRTVG

Buscar

A OMS indica que nas vindeiras semanas entraremos nunha fase "moi crítica"

Publicado o 25/05/2020 12:52

María Neira, directora de Saúde Pública da OMS, indicou que nas vindeiras semanas entraremos nunha fase moi crítica, e que haberá que analizar como se comporta o virus ante a recuperación da actividade. 

As dúas ou tres próximas semanas serán claves, segundo apuntou Neira en declaracións a Rac1. Tamén dixo que os países europeos están a facer unha vixilancia epidemiolóxica "moi rigorosa". "Temos a tranquilidade de que se hai algún foco, aínda que sexa unha situación mínima, tomaranse medidas", engadiu a directora de Saúde Pública da OMS.

Sobre a cuestión de se os nenos poderán ir á escola en setembro, explicou que en Xenebra, hai centros escolares abertos, e subliñou a "cultura educativa" dos menores de lavar as mans con frecuencia e de manter a distancia de seguridade. 

Segundo Neira a educación a distancia soluciona o problema durante un tempo, pero non "substitúe o intercambio social". A doutora é partidaria de que os menores poidan volver ás escolas con medidas que permitan retroceder en caso de que os datos o xustifiquen.