A OMS declara a África subsahariana libre do virus da polio
• Convértese na segunda enfermidade do mundo erradicada por unha vacina, xunto coa varíola

A Organización Mundial da Saúde (OMS) declarou este martes á gran maioría de países de África como libres do poliovirus salvaxe, o causante da poliomielite, despois de catro anos de que se detectase no nordés de Nixeria o último caso.
"Hoxe, o 25 de agosto de 2020, a ARCC (a Comisión de Certificación Rexional para África) certifica que a rexión africana interrompeu a transmisión do poliovirus salvaxe", dixo a presidenta deste organismo, a camerunesa Rose Leke, ao entregar o certificado á directora rexional da OMS, Matshidiso Moeti.
"Está entre as grandes honras da miña vida unirme a esta celebración de certificación de África libre do virus. É o segundo virus en ser erradicado no noso continente, tras as varíola, hai corenta anos. Para min, persoalmente, é unha gran honra e pracer", considerou Moeti.
Trátase dun fito, o da erradicación da transmisión do virus na rexión africana da OMS (que non inclúe a Somalia, O Sudán, Marrocos, Libia, Tunes e Exipto) co que se conseguiu previr a parálise de 1,8 millóns de nenos, segundo detallou a doutora botsuana.
Máis de trinta anos desde a chegada da polio a África
A batalla contra o poliovirus comezou en 1988, coa resolución internacional de erradicalo para o 2000. Unha tarefa que foi especialmente difícil nalgunhas zonas de África, afectadas por conflitos ou de difícil acceso para realizar campañas de vacinación.
O último gromo de polio en Nixeria (e en todo o que a OMS considera rexión africana) declarouse en 2016 no nordés do país, e a última vez que se viu o virus nun neno foi nesa mesma rexión do nordés de Nixeria en 2017.
O anuncio deixa só á rexión do Mediterráneo oriental (que inclúe o norte de África, Oriente Medio e Afastado Oriente) como a única con casos da enfermidade en todo o mundo.
Erradicouse en varias rexións tras a vacina descuberta na década de 1950
A poliomielite é unha enfermidade infecciosa, causada por un virus, que non ten cura e cuxos síntomas inclúen febre, fatiga, vómitos, dor de cabeza, e pode chegar a causar, nalgúns casos, parálises nas extremidades.
Era unha enfermidade endémica en todo o mundo, que provocou gran cantidade de amputacións e discapacidades, pero grazas á vacina descuberta na década de 1950 foi erradicada en rexións como Europa ou as Américas.