CRTVG

Buscar

A OMS cre improbable unha segunda onda importante do coronavirus

Publicado o 25/05/2020 18:18
A OMS cre improbable unha segunda onda importante do coronavirus

A Organización Mundial da Saúde cre improbable que haxa unha segunda onda importante do coronavirus.

Os modelos cos que se está a traballar parecen confirmar esa posiblidade. Aínda así, a organización pide prudencia e di que se achegan semanas moi críticas en que se saberá como se comporta a COVID-19 coa volta á actividade.

Os casos chegan a 5,3 millóns, con 342.000 mortes en todo o mundo

Os casos de COVID-19 confirmados pola OMS en todo o mundo alcanzaron hoxe os 5,3 millóns. Deles, 342.029 faleceron.

Os contaxios diarios aceleráronse na última semana e superan xa as 100.000 infeccións por xornada, debido sobre todo ao forte incremento no continente americano, a rexión máis afectada con 2,4 millóns de casos.

Ségueo Europa, que a fin de semana superou a barreira dos 2 millóns de contaxios, aínda que é a rexión cunha curva máis claramente en descenso.

A maior distancia, pero con gráficas en forte ascenso, atópanse Oriente Medio (427.000 contaxios), o sur e sueste de Asia (201.000) e África (80.000).

Estados Unidos mantense como o país máis afectado, mentres que Rusia e O Brasil aparecen case empatados en segundo lugar, seguidos por tres países europeos, onde a pandemia parece remitir con claridade (España, Italia e Reino Unido).

A India, cuns 140.000 casos, entrou no grupo de 10 países máis afectados pola pandemia, adiantando a Irán, unha das nacións que antes rexistrou contaxios comunitarios fóra da China.

Segundo as estatísticas das redes sanitarias nacionais, os pacientes recuperados no planeta ascenden a 2,3 millóns, mentres que os que se atopan en estado grave ou crítico rexistraron un importante ascenso nas últimas xornadas e son actualmente 53.000.