O contaxio non é só cousa de tusir ou esbirrar, a OMS admite a posible transmisión por vía aérea

A Organización Mundial da Saúde (OMS) modificou a súa web de información ao público sobre a COVID-19 para admitir nela que a transmisión por vía aérea do coronavirus podería ser posible, principalmente en ambientes pechados e en determinadas circunstancias.
"Producíronse brotes de COVID-19 en certos lugares pechados, tales como restaurantes, clubs nocturnos, lugares de rezo ou zonas de traballo onde a xente estaba a berrar, falar ou cantar"; neles, a transmisión por vía aérea "non pode ser descartada", destaca a nota informativa.
Engade que podería darse este tipo de contaxio en recintos mal ventilados onde persoas con coronavirus puidesen pasar un longo período de tempo con outras.
A OMS engade que se necesitan máis estudos "urxentemente" para investigar este tipo de transmisión, aínda que subliña que por agora a principal vía de contaxio demostrada é por contacto con pequenas pingas expulsadas por persoas infectadas ao tusir ou esbirrar.
Este contaxio tamén sería posible se estas pingas quedan en determinas superficies (mobles, pomos de portas, varandas), pasan por contacto a outras persoas e estas tocan os ollos, o nariz ou a boca.
O pasado martes, expertos da OMS xa adiantaron en conferencia de prensa que non descartaban unha posible transmisión por vía aérea do virus (que o faría moito máis contaxioso) en determinadas condicións, en resposta á chamada de máis de 200 científicos a investigar esta posible vía de infección.
O diario The New York Times publicou o luns unha carta aberta en que 239 científicos esixían á OMS tomar máis en serio a hipótese sobre unha transmisión aérea do coronavirus e subliñaban que os estándares de distancia social fronte á COVID-19 eran insuficientes.