CRTVG

Buscar

A idade para sacar os carnés profesionais vaise rebaixar ata os 18 anos para os camións

Publicado o 02/11/2020 14:47

No sector dos transportes por estrada precisan condutores. Para facerlle fronte a esta situación e co obxectivo de fomentar tamén o emprego entre os mozos prevense rebaixas na idade para sacar os carnés profesionais. Baixará de 21 anos a 18 para os camións e de 24 a 21 para os autobuses.

"Principalmente o que permite é que os mozos de 18 anos poidan sacar o carné de camión. Antes o C1 podíase sacar con 18 anos, pero para o C e para o C+E, que son os vehículos articulados, precisábase ter 21 anos", sinala José Fernández, vicepresidente de Tradime en Lugo.

Dende o sector dos transportes din que a medida é boa para paliar a escaseza de profesionais, pero demanda outras medidas como a creación no sistema educativo dun ciclo de formación propio.

"O idóneo sería unha FP dual onde se puidera formar xente dun sector esencial como é o transporte. Non só hai que modificar a idade, son vehículos de 40 toneladas onde se require certa experiencia e máis coñecementos que o carné", sinala José Fernández, vicepresidente de Tradime en Lugo.

Con cambios referidos á idade mínima dos condutores, a normativa quedaría equiparada coa da Unión Europea.

Noticias web

02/11/2020