A ocupación hoteleira da Mariña non chega ao 25% en xullo

A Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería e Turismo de Lugo (Apehl) fixo públicos os datos de ocupación hostaleira na provincia durante o mes de xullo, na que se alcanzou unha media dun 50,9 % de ocupación no conxunto da provincia e un "rechamante" 24,9% nunha comarca turística como é A Mariña.
Segundo a Apehl, a actual situación sanitaria provocou que a hostalaría xogue cunha gran incerteza, pois "moitos usuarios realizan reservas hoxe e anulan mañá". Así mesmo, lamentan que o turismo internacional sexa mínimo, dado que "se conta cos dedos das mans".
Luces entre as sombras
As zonas da Ribeira Sacra e da Montaña foron as áreas da provincia con máis visitantes, cunha media do 75% e do 70% de ocupación, respectivamente. Pola súa banda, Lugo Centro logrou o 42,7% e A Terra Chá rozou o 42 %.
Os hostaleiros das zonas de interior e montaña si que notan "un mes de xullo mellor que outros anos". No relativo ás previsións de ocupación por zonas para o mes de agosto, mantéñense actualmente nun 55% para A Mariña, 35% para Lugo Centro, 85% para A Montaña, 30% para A Terra Chá e 85% para A Ribeira Sacra.