CRTVG

Buscar

A ocupación das UCI en España baixa do 10 %, cun novo mínimo de mortes (+16)

Publicado o 14/06/2021 18:54

O Ministerio de Sanidade rexistrou este luns, con datos achegados polas comunidades autónomas, 8.167 novos casos de coronavirus, dos que 746 foron diagnosticados nas últimas 24 horas, fronte aos 1.961 rexistrados o pasado venres. Iso eleva a 3.741.767 a cifra total de persoas contaxiadas de covid−19 desde o inicio da pandemia

Respecto á incidencia media actual de contaxios en España nos últimos 14 días, o informe mostra que segue reducíndose. Sitúase nos 104,56 casos por cada 100.000 habitantes, en comparación cos 108,46 notificados o venres polo departamento dirixido por Carolina  Darias.   

Canto aos falecidos, notificáronse 16 máis; deles, 51 rexistráronse na última semana. Isto fai que a cifra global de decesos por coronavirus en España se eleve ás 80.517 persoas.   

Actualmente hai 3.414 pacientes ingresados por covid−19 en toda España e 917 en UCI, aínda que, nas últimas 24 horas, producíronse 291 ingresos e 161 altas. A taxa de ocupación de camas por coronavirus sitúase no 2,77 por cento e nas UCI no 9,69 por cento.

A ocupación das UCI por enfermos de coronavirus sitúase por primeira vez neste ano por baixo do 10 % (9,7 %), tras alcanzar o pasado 1 febreiro un máximo do 45,3 % en pleno pico da segunda onda, conforme aos datos do Ministerio de Sanidade, que notificou tamén un mínimo de falecementos, con 16 decesos máis desde o venres.

O director do Centro de Coordinación de Alertas e Emerxencias Sanitarias, Fernando Simón, pediu que estes datos se tomen con cautela, xa que pode haber atrasos na notificación de falecidos por parte das comunidades autónomas debido á fin de semana.

Segundo Simón, a evolución da pandemia en España segue en descenso, pero non é igual segundo os diferentes tipos de idade, aínda que se homoxeiniza por territorios.

Fernando Simón advirte de ondulacións

O director do Centro de Alertas e Emerxencias Sanitarias Fernado Simón advirte de que a pesar deste descenso da incidencia, pode haber ondulacións entre os máis novos pola menor porcentaxe de vacinados e pola relaxación das restricións. España volveu bater na última semana o seu récord de vacinas administradas, máis de 3,2 millóns de doses.

Só nesta fin de semana, púxeronse en España case un millón de vacinas. Nos últimos sete días foron máis de 3 millóns dúascentas mil, un novo récord. Tamén é a primeira vez no que vai de ano que a COVID−19 ocupa menos dun 10 % das camas de UCI. A caída da incidencia, con todo,
podía ser maior de non coincidir, por exemplo, coa fin das clases. 

O Director do Centro de Coordinación de Alertas e Emerxencias Sanitarias afirmou: "O programa de vacinación está evolucionando moi favorablemente e é o que, grazas á vacinación destes grupos máis vulnerables, fai que, pese á relaxación entendible pero probablemente excesiva que estamos observando en moitos comportamentos nas últimas semanas, a nosa evolución siga sendo lenta, pero descendente".

Simón di que non estamos lonxe da inmunidade de grupo, pero advirte do risco de oscilacións na curva entre os máis novos. Con menos cobertura da vacina, o risco de hospitalización e morte entre eles, aínda que menor, segue existindo. "Perdoaranme as persoas maiores porque isto é duro dicilo, pero non é o mesmo que faleza unha persoa de 95 anos que unha de 20. E estamos aínda nesa situación de risco", dixo.

Aínda non hai data prevista para a retirada da máscara, que Fernando Simón cre posible ao aire libre pero segue sen ver en interiores.

Noticias web

14/06/2021