Sen rastro de coronavirus nos envases dos alimentos, segundo a OCU
Publicado o 14/05/2020 17:45
Neste estudo a Organización de Consumidores e Usuarios analizou a superficie de ata 66 envoltorios de alimentos e produtos de drogaría en supermercados de varias provincias, entre elas A Coruña. Os resultados obtidos a través de probas xenéticas PCR revelan a ausencia total de restos de coronavirus.
Unha das razóns, segundo a OCU é que as medidas hixiénicas adoptadas polas cadeas de alimentación axudaron a reducir ese risco. Con todo, a maioría dos consumidores desinfectan a compra ao chegar á casa como medida de prevención e de momento, sinalan, vano seguir facendo.
"Lavo todo, as froitas, os envases, as latas, os iogures, todo", di unha usuaria. Un home apunta que lava:"todo, sempre con auga e unha porcentaxe de lixivia. Si, si, todos os envases".
"Todo desinfectado con auga e lixivia, collo un balde pequeno e un paniño e vou desifectando todo antes de gardalo na neveira ou no armario, todo", di unha usuaria.
Unha operación en que din, non teñen problema en dedicarlle o seu tempo, sobre todo se a compra é grande.
"Hora e media dentro do supermercado e logo dúas horas máis para a limpeza de todos os produtos", apunta unha clienta.
Recoñecen que as medidas como a limpeza periódica das superficies e o uso de luvas e máscaras, impulsadas polos propios supermercados, puideron contribuír a reducir o risco.
"A ver, eu traballo en hostalaría e habitualmente desinfectamos todo, pero na casa a verdade é que os envases non os desinfectamos", engade un traballador.
Con todo, a OCU recomenda manter as medidas de precaución nos supermercados: gardar a distancia con outros usuarios, usar luvas e máscara ou evitar levar as mans á cara.
E que podemos facer ao volver á casa? Eliminar a embalaxe exterior dos produtos, apuntando a data de consumo ou o lote, e lavar as mans con auga e xabón. Se convivimos con persoas de risco, poderiamos limpar os envases de cristal, plástico ou latas con auga e xabón.